Saturday 20 de April de 2024

Desde hoxe e ata o venres estará na Laracha a unidade móbil do programa “Coidados Porta a Porta”


As citas para consultas de estimulación da memoria e podoloxía están cubertas, pero aínda hai dispoñibles en audioloxía.

A caravana do programa de servizos asistenciais Coidados porta a porta, impulsado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, chegou hoxe á Laracha e permanecerá na praza Olonne sur Mer ata o venres para ofrecer de xeito gratuíto consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de 55 anos de idade que realizaran previamente a reserva da súa cita.

Na charla informativa desenvolvida esta mañá na Casa da Cultura para explicar en que consiste o programa Coidados porta a porta anunciouse que xa están cubertas todas as citas tanto en podoloxía como en estimulación da memoria, quedando aínda dispoñibles en audioloxía. Non obstante, a inscrición permanece aberta para todas as especialidades dado que se está a formar unha lista de agarda para o caso de producirse cancelacións de citas. As persoas interesadas deben contactar por vía telefónica chamando ao 622 748 283 ou ao 623 546 992, ou ben enviando un correo electrónico a coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

O programa Coidados porta a porta iniciouse a finais do pasado mes de marzo e está a percorrer todos os municipios galegos agás os das sete cidades. A previsión é chegar a atender a 100.000 persoas en toda Galicia.

Pode ampliarse información nesta ligazón: https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/coidados-porta-porta